Thursday 16 de May de 2024

A neglixencia de toda unha década de continuas e únicas denuncias do BNG dan lugar a unha condena 71.000 euros, en primeira instancia, contra o Concello de Oleiros polo previsíbel e grave acidente sufrido por un cidadán no parque do Seixo


Anos de escorregar o vulto e pasarse a pataca quente entre Costas e Concello deixando de lado da cidadanía provocaron deixadez funcional das Administracións

O BNG de Oleiros demanda con firmeza que rematen dunha vez as continuas e inúteis disputas institucionais que só teñen unha vítima, a cidadanía

No mes de setembro de 2018 Luís, veciño da parte cambresa do Graxal, sofreu un grave accidente no parque do Seixo mentres, como cada noite, paseaba o seu can. A escasa iluminación da zona, que non chegaba ao sendeiro do parque máis próximo á beira da ría e a ausencia de calquera medida protectora fixeron que se precipitase ao fondo dun dos vellos embarcadoiros da ría.

O grave accidente de Luís foi respondido dende as administracións públicas responsábeis, Concello de Oleiros e Demarcación de Costas do Estado, co máis absoluto silencio. Ninguén parecía saber nada. Por suposto, ninguén asumiu responsabilidades. O silencio e a irresponsabilidade foron acompañados dunha moi lamentábel falta de humanidade: nes.e tempo ninguén de ningunha das administracións foi quen de contactar coa familia para interesarse polo estado do accidentado e pórse á súa disposición. A esta familia non lle quedou outra que acudir á xustiza.

Á neglixencia de toda unha década, sen que se fixese caso das continuas solicitudes que o BNG formulou ano tras ano para que se protexese o perímetro dos foxos e se sinalizase debidamente o seu perigo, séguelle a neglixencia das semanas posteriores: malia o grave accidente de Luís ningunha medida de seguridade urxente foi tomada. Neste tempo os dous embarcadoiros seguiron exactamente igual.

Diante desta gravísima situación o BNG de Oleiros e o de Cambre estivemos unha mañá daquel setembro de 2018 no Parque do Seixo para facermos o que ninguén máis fixo: encintar arredor dos foxos e colocar un sinxelo sinal de advertencia do perigo. A mesma acción que xa fixéramos en novembro de 2016, para advertirmos do que podía acontecer se non se actuaba de inmediato. Por desgraza, pasou.
Esta semana soubemos que o Xulgado Contencioso Administrativo número 1 da Coruña condeou ao Concello de Oleiros, en primeira instancia, a pagar unha indemnización ao veciño afectado, considerando clara a responsabilidade da administración municipal no acontecido dada a ausencia de medidas protectoras nun parque competencia do Concello de Oleiros e que forma parte da estrutura urbana. A eiva e abstención do goberno municipal foi sintomática despois de anos de advertencias e agora acreditada xudicialmente. O BNG manifesta a súa solidariedade, unha vez máis, co afectado e a súa familia por todo o acontecido.